Arquivo | Outubro, 2011

Novos socios para a biblioteca

24 Out

Hoxe foi o Día da Biblioteca e así aproveitamos a ocasión para reabrir as portas da nosa, que despois de ser trasladada á planta superior e de sofrer algunhas reformas aínda non rematadas, xa está disposta a ofrecernos toda a riqueza que conserva. Este ano, ademais, hai unha novidade que todos os nenos van agradecer. Ademais do préstamo de libros tamén se vai poder levar para casa cds de música clásica e tradicional galega, fundamentalmente, e dvds de adaptacións de contos ao cinema. Pouco a pouco seguro que iremos enriquecendo o catálogo audiovisual con novas pezas que teñan valor educativo.

Para celebrar un día tan especial fixemos unha sesión de contacontos na que os nenos foron os protagonistas. Os rapaces de sexto Jesús Baños, Aarón Iglesias, Kevin Núñez, Felipe Rivas, Vanesa Andrade, Adriana Bistilleiro e Carolina Muñiz contaron tres contos ideados por eles que tiñan que ver co amor e o corazón e pola súa parte, Ana González e Uxía Couso (3º) leron o conto da pota que trota que nos fixo rir moito. Fixérono todos moi ben e mereceron o aplauso que ao final recibiron.

Ademais dos contacontos, os nenos foron informados do funcionamento básico da biblioteca, a zona onde se gardan os libros para a súa idade e a maneira de podelos levar en préstamo. Todos os nenos saben xa que en caso de dúbida deben preguntar a calquera dos tres mestres que se encargan de xestionar a biblioteca: Milagros, Mª Carmen ou David.

Os nenos que chegaron novos este ano ao colexio recibiron xa con moita alegría os primeiros carnés de lector. Deben conservalos para poder facer uso do servizo de préstamo. Para o colexio e para os mestres que o dirixen é unha grande alegría recibir na biblioteca a máis nenos e nenas.

Como en anos anteriores pareceunos tamén moi oportuno publicar un novo número do boletín Bolboreta de Papel para a través del animar a todos os nenos a utilizar a biblioteca, recordarlles o seu funcionamento e transmitir ás familias a importancia da lectura no desenvolvemento persoal dos nenos.

Queda por tanto reinaugurada a biblioteca! Xa podedes vir cando queirades porque seredes sempre benvidos!

(Na fotografía, Noel Rivas amosa moi contento o seu novo carné de lector á súa compañeira Lía Pérez.)

24 de outubro, Día da Biblioteca

21 Out

Desde o ano 1997 vense celebrando en España o Día da Biblioteca o 24 de outubro. Nós querémonos unir sempre a esta celebración porque consideramos que a biblioteca escolar é un lugar vital, é o centro da escola.

Para este ano temos preparadas varias sesións de contacontos nas que os protagonistas serán os propios nenos que relatarán historias aos seus compañeiros.

Os novos socios da biblioteca recibirán o seu carné nun acto de benvida que agardamos sexa moi agradable para todos. Tamén publicaremos un novo número do boletín Bolboreta de Papel.

Estade atentos ao luns!

Por novos camiños

20 Out

O blogue “Cousas do cole” está a piques de celebrar o seu quinto aniversario. Botou a andar alá por novembro do ano 2006. Moito lle debemos á profe Esperanza polo tempo que lle dedicou a mantelo vivo, e por suposto tamén a todos os nenos e nenas que participaron dun xeito ou doutro na súa elaboración. Algúns destes rapaces xa non están no colexio pero sei que aínda se pasean polos nosos sitios na rede e sinten algo de morriña daquel tempo que aquí pasaron.
E despois de cinco anos tocábanos xa facer unha mudanza. A casa vella deixou paso a esta nova, tan limpa e nova que aínda non a coñecemos ben de todo. Pero seguro que entre todos imos sacarlle moito proveito a todas as súas posibilidades.
Xa hai tempo que as novas tecnoloxías entraron a formar parte das ferramentas que os ensinantes utilizamos nas escolas, pero, como en todo, hai que sabelas usar con sentidiño, sacándolle o mellor que teñen, favorecendo a seguridade no seu uso e poñéndoas ao servizo dos nenos, e non ao revés. Ese é o noso propósito como educadores, e nesa tarefa podemos colaborar todos.
Que sexa hoxe día de ledicia! Que se escoite a nosa voz en toda Galicia!